Thursday 19 de September de 2024

O Concello ofrecerá a partires de outubro seis actividades de reforzo educativo gratuítas para os e as escolares de 3 a 16 anos


 Impartiranse nas dependencias da Casa Consistorial habilitadas, coa novidade das Técnicas de Estudo

 Sergio Platas: “Os nosos esforzos van encamiñados a proporcionar aos mozos e mozas todos os recursos posibles no seu desenvolvemento integral como persoas. Apostar por iso é coidar do futuro de Paderne”

 

O Concello de Paderne ofrecerá a partires deste mes de outubro seis actividades de reforzo educativo para os e as escolares do municipio que teñan entre 3 e 16 anos. O servizo, que será totalmente de balde para as familias, contará coa gran novidade das Técnicas de Estudo, unha materia destinada a proporcionar técnicas de aprendizaxe e estudo para facilitar o coñecemento de xeito transversal en todas as áreas.

Máis aló desta inclusión, o Concello ofrecerá apoio en Inglés (niveis Infantil, Primaria e Secundaria), Matemáticas (Primaria e Secundaria), Lingua Galega (Primaria) e Lengua Castellana (Primaria). Ademais, os mozos e mozas poderán mellorar as súas competencias dixitais con clases de Informática, divididas en nivel de Iniciación e de Perfeccionamento.
Todas estas actividades desenvolveranse entre a Biblioteca, a Aula de Informática e o Local de Actividades da Casa Consistorial nas tardes de luns a venres, entre as 16:00 e as 20:30 horas.
“A formación da mocidade é de gran importancia para o futuro da sociedade. Por iso, os nosos esforzos van encamiñados a proporcionar aos mozos e mozas todos os recursos posibles no seu desenvolvemento integral como persoas. Apostar por iso é coidar do futuro do noso Concello”, expresa o alcalde, Sergio Platas.

O rexedor quixo pór en valor que se trate dunha prestación totalmente gratuíta: “Na nosa xestión, a oferta de servizos públicos para mellorar a vida de todos os e as habitantes de Paderne é unha prioridade. Dentro das posibilidades realistas das arcas municipais, é un esforzo. Pero para nós non é un gasto, senón un investimento necesario”.

O prazo para inscribirse nalgunha destas actividades remata o día 23 de setembro. Será entón cando as áreas responsables articulen os horarios definitivos desta prestación. As familias xa terán recibida ou recibirán nos vindeiros días unha carta cunha explicación detallada sobre a iniciativa e o proceso de inscrición, que se pode facer de xeito presencial no Concello enchendo o formulario ou consultándoo de xeito telemático na web municipal.

A maiores, o Concello de Paderne tamén prepara unha oferta de actividades lúdicas para os e as menores a distribuír ao longo de todo o ano. O obxectivo é presentar aos mozos e as mozas iniciativas de ocio para que teñan a oportunidade de socializar, divertirse, aprender e compartir espazos e regras xunto con compañeiros e compañeiras.